O xogo F1 2015 ofrécese de balde por tempo limitado

venres, 23 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Até as seis da tarde do sábado a tenda de xogos da iniciativa solidaria Humble Bundle ofrece totalmente de balde o xogo F1 2015, valorado en 34,99 euros, e que pode incorporarse á nosa colección de xogos de Steam.
Este xogo de carreiras automobilísticas de Codemasters evidentemente non é a última entrega da franquía baseada na competición da FIA, pero continúa a ser un grande xogo para PC, de xeito que con esta promoción buscan achegar usuarios tanto á serie de xogos como á tenda dixital de Humble.
F1 2015 ofrece unha experiencia de xogo moi televisiva, lucindo un motor gráfico de nova xeración e contando cunha xogabilidade accesible tanto para pilotos novatos como expertos. Esta entrega estreou no seu día o Modo Campionato e o Modo Profesional e incluso permite pór a proba a destreza do xogador en novos adestramentos libres en liña antes de lanzarse a desafiar aos amigos e rivais de todo o mundo no modo multixogador en liña.

PUBLICIDADE