O vindeiro domingo volve ás ondas o programa de radio Game 40

venres, 20 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A primeiros dos ano pasado tiñan pensado emitir un programa especial de Game 40 en Radio Sabadell, coma homenaxe ao desaparecido espazo radiofónico de Los 40 Principales que levaba unha década fóra de antena, pero a iniciativa non prosperou ante a oposición da emisora que dera a luz o programa, e agora vemos por qué: Game 40 volve ás ondas, os domingos ás 22:00 horas.
Polo momento o programa xa conta con páxina web, e aínda que non contará cos seus presentadores históricos (coma o polémico Guillem Caballé, Carlos Ulloa, Manuel Martín ou Pin), promete converterse nun dos 4 pés nos que sosterá esta plataforma informativa sobre videoxogos (pois non se limitan á radio, senón que tamén se apoian na web, a televisión e a prensa).
O condutor do programa de radio será Kiko Bejar, que achegará información sobre o sector, entrevistas, música de videoxogos e moito máis a partir do vindeiro domingo.

PUBLICIDADE