O vindeiro Foro Unirede abrirase cunha xornada sobre emprendemento

luns, 21 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Imaxe da edición do ano pasado do Foro Unirede

Dentro de pouco máis dun mes celebrarase a terceira edición do Foro Unirede, que tras 2 anos celebrándose con grande éxito na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela traslada a súa sede a Pontevedra, repartindo as súas actividades en 2 xornadas: o venres 22 terá lugar Unirede Emprende, mentres que o sábado 23 é cando se desenvolverá o encontro tradicional.
Unirede Emprende será unha xornada con relatorios sobre a importancia da web social na implantación de proxectos empresariais, contando con experiencias de emprendedores que basean o seu éxito no contorno virtual e no apoio de técnicas de marketing en liña.
Completarán o programa obradoiros sobre Twitter e Facebook, e sobre a implantación dunha marca 2.0; e os asistentes poderán consultar as súas dúbidas puntuais sobre como implantar un plan de empresa de marketing ou social media nos seus proxectos.
O Foro Unirede do día 23 de novembro procurará servir de escaparate dos logros da web 2.0 en Galicia, para fomentar a interacción entre os distintos actores do social media na nosa comunidade e difundir entre a sociedade as vantaxes e posibilidades de desenvolver a web social nos distintos sectores económicos.
Este evento tamén busca consolidarse como un punto de encontro para o sector 2.0, que aproveita este tipo de actividades para facer networking. Amais, a xornada contará con contidos segmentados sectorialmente nas seguintes categorías: Marketing/Comunicación, Turimos/Gastronomía, Tecnoloxía, Moda e Tendencias, Cultura e Industriais Culturais.

PUBLICIDADE