O videoxogo galego The Waylanders sae á venda oficialmente

mércores, 2 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Tras 52 meses de traballo o estudio coruñés Gato Salvaje estrea oficialmente The Waylanders, xogo de rol para ordenador que promete máis de 40 horas de aventura para completalo e que nesta versión definitiva véndese a 39,99 euros a través de Steam e GOG, aínda que durante a semana de lanzamento contará cun desconto do 20%.
O xogo somerxe ao xogador nun mundo fantástico inspirando en lendas, paisaxes e patrimonio cultural propios de Galicia, e atópase adaptado a 8 linguas entre as que non falta o galego.
Esta produción recorreu ao micromecenado en 2018 para conseguir financiamento e apoio dunha comunidade de xogadores; en xuño de 2020 estreouse en Steam como xogo en acceso anticipado, de xeito que os usuarios puideron gozar da versións preliminares do xogo, que foron evolucionando até hoxe mesmo, cando ve a luz a versión final do título, que nos vindeiros meses recibirá actualizacións para corrixir os fallos que vaian detectando e para recibir novos contidos e melloras en función da resposta do público.
A aventura percorre dúas eras diferentes (unha época celta, con mitos e deus de lenda, e outra medieval, na que a maxia vai perdendo pulo) e a historia conta con personaxes interesantes e orixinais, nun mundo no que podemos ver razas como lobishomes, mouros inmortais e xigantes fomore, así como tamén podemos visitar Brigantia (e a súa torre) e o Santiago medieval (coa súa catedral e as súas murallas).
Para o desenvolvemento de The Waylanders Gato Studio contou con 40 traballadores no seu estudio coruñés, aos que sumáronse dende outros 6 países profesionais de distintas disciplinas até chegar aos 80 profesionais involucrados na xestación desta produción que quere demostrar o potencial dos videoxogos como industria cultural de grande crecemento que supón unha oportunidade para a xeración de emprego mozo.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE