O vídeo de Anxo Quintana inspirado en Espartaco supera a liña das 25.000 visitas

xoves, 22 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

As distintas copias do vídeo en YouTube suman milleiros de reproducións

A cousa está que arde na Rede: comicios electorais autonómicos á vista e os tres principais candidatos tirando proveito de todo o que teñen ao seu alcance. Segundo sinala estes días Gznación, o spot electoral que vén de lanzar na Internet Anxo Quintana está a resultar un reclamo en liña de primeira orde. O anuncio, posto na Rede hai tres días, baséase sobre todo nunha reinterpretación do mito cinematográfico de Espartaco. O seu titulo é Eu son Anxo Quintana e as súas cifras, arestora, son as seguintes: arredor de 15.000 reproducións (á altura do xoves pola tardiña) no videoblog do candidato do partido nacionalista, Quin.tv, e preto xa de 10.000 no YouTube. Total polo de agora: 25.000.
O vídeo, que conta con Antón Reixa en labores de dirección e con actores como Isabel Martínez ou Manuel Oliveira, está a ser obxecto –á súa vez- de novas montaxes e de reinterpretacións. Por exemplo: a que vén da man dun novo vídeo que tira proveito do argumento do spot para volver á base orixinal, a do filme Espartaco de Stanley Kubrick. Na nova peza, en realidade, bótase man da mesma secuencia na que se inspira o BNG, só que recuperando a orixinal (con Kirk Douglas facendo de Anxo Quintana e Tony Curtis falando castelán) e achegándolle un pouquiño máis de humor.

PUBLICIDADE