O último filme de John McClane estrea xogo para iOS e Android

luns, 18 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Así pode verse o xogo nun iPhone

Cando chega ás grandes pantallas a película La Jungla: un buen día para morir, os dispositivos móbil con iOS e Android reciben tamén un videoxogo baseado na mesma, que leva por título Die Hard e que pode descargarse de balde a través de Google Play (inclúe compras dentro da aplicación) ou por 0,89 euros da App Store onde está dispoñible como aplicación universal (compatible con iPhone e iPad).
O xogo permite tomar o papel de Jack McClane, fillo do lendario policía John McClane (papel interpretado por Bruce Willis nas películas) que ten que moverse polas rúas de Moscú e por paraxes asolados pola radioactividade de Chernobyl enfrontándose a numerosos obstáculos para salvar ao mundo do terrorismo nuclear.

Imaxe da versión para iPad do xogo

Estamos ante un xogo de acción en terceira persoa, con gráficos tridimensionais de boa calidade (capaz de amosarse a 60 imaxes por segundo en pantallas Retina), que emprega as posibilidades táctiles como sistema de apuntado e incluso fai uso dunha especie de tempo bala chamado adrenalina, que ralentiza a acción para eliminar a varios inimigos á vez.
Con este título confírmase unha vez máis que os dispositivos móbiles son unha excelente plataforma para xogos inspirados en películas, pois habitualmente trasladar tal experiencia a consolas domésticas remata cun resultado moi decepcionante, froito do pouco tempo de desenvolvemento no que deben concluírse este tipo de videoxogos, o que non resulta tan crucial en plataforma móbiles, nas que os usuarios son menos esixentes, e os xogos véndense a prezos moito máis asumibles.


Trailer do xogo móbil Die Hard

PUBLICIDADE