O teletexto da TVG di adeus aos seus contidos principais

martes, 23 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Aproveitar o sinal televisivo para transmitir información constante como a programación de televisión ou novas de actualidade foi un grande invento dos anos 70 coñecido como teletexto, que en España estreouse en 1988, e que mantense até hoxe, pero nun momento no que o mercado está repleto de smartphones semella redundante manter esta canle de información da que xa carecen moitas das canles creadas nos últimos anos, así como as emisións en alta definición de Televisión Española, polo que non debería sorprender a ninguén que este servizo que na Televisión de Galicia leva funcionando con regularidade dende hai pouco máis de 22 anos presente unha mensaxe na que remite aos espectadores a acudir á páxina web da CRTVG.

Televisión Española mantén o teletexto só nas súas canles de definición estándar

Nos últimos anos a meirande parte de teletextos das canles estatais convertéronse en meras ferramentas publicitarias residuais, agás algún caso no que aproveitábase tal tecnoloxía para inserir subtítulos (algo bastante absurdo xa que a TDT ten un sistema de subtítulos nativo).
En Praza Pública aseguran que dende a CRTVG quitan ferro ao peche do servizo de teletexto, asegurando que até o momento só recibiron «catro correos electrónicos» de espectadores preguntando polo servizo. Matizan que manteranse as páxinas superiores á 800 (ás correspondentes aos servizos para persoas xordas) e que a eliminación dos contidos principais do teletexto non terá ningún impacto no cadro de traballadores.

Algunhas canles privadas manteñen o teletexto basicamente como plataforma publicitaria

Cómpre salientar que as meirande parte das canles de televisión de sona internacional xa hai anos que carecen de teletexto, e así a CNN cesou a actualización do servizo en 2006, a BBC británica pechou as emisións de teletexto en 2012 ao adoptar definitivamente a televisión dixital, e aínda que en moitos países continúa o aproveitamento do teletexto para subtitular, tal práctica tamén vai desaparecendo paulatinamente. Curiosamente, a tecnoloxía que pretendía coller o relevo do teletexto, o digitexto, foi un fracaso rotundo ao estar incluído no estándar MHP, que non conseguiu callar na industria.

Algunhas canles manteñen o teletexto como tecnoloxía para dotar de subtítulos ás súas emisións
O uso de subtítulos de teletexto na TDT é innecesario, xa que a televisión dixital xa ten soporte nativo para subtítulos

PUBLICIDADE