O software libre está presente na práctica totalidade das universidades españolas

mércores, 10 de marzo do 2010 Raquel Noya

CENATIC (o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas), vén de presentar en Madrid o seu Estudo sobre a situación actual do software de fontes abertas nas Universidades españolas e Centros de I+D españois, un informe (o primeiro destas características) que incorpora información cualitativa e cuantitativa sobre o estado da implantación e uso das tecnoloxías libres no nundo académico e investigador en España, e as conclusións son moi positivas para todo o sector.
Esta entidade pública, que elaborou o informe a través do Observatorio Nacional do Software de Fontes Abertas (ONSFA) en colaboración co grupo Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, entre outros, inclúe os resultados dunha enquisa sobre o uso de fontes abertas na universidade, así como o estudo de 25 casos de implantación, desenvolvemento e promoción de tecnoloxías libres, e unha selección de 20 proxectos I+D en torno ao software de fontes abertas financiados por programas de ámbito estatas e europeo.
Os resultados do estudo inclúen información estratéxica de utilidade para os responsables da toma de decisións tecnolóxicas, e segundo informan dende o propio Centro, “axuda a comprender os beneficios que o software libre aporta en tódolos ámbitos”.
O informe, presentado hoxe mesmo durante a III Asemblea de Morfeo desenvolvida na capital, reflicte que o software de fontes abertas está presente na práctica totalidade das Universidades e Centros de I+D españois. De feito, no caso das Universidades, baséanse en software libre o 60 por cento dos seus servidores, o 42 por cento das súas bases de datos, o 67 por cento do seu correo institucional, o 87 por cento das súas ferramentas de xestión de contidos, o 67 por cento dos seus sistemas antispam, o 40 por cento dos seus campus virtuais, ou o 44 por cento das súas solucións de administración electrónica.
Por outro lado, o estudo tamén reflicte que o 83 por cento das universidades contan con algún grupo de investigación sobre este tipo de software, que buscan asemade a transferencia tecnolóxica das súas ferramentas á industria. No 57 por cento das universidades existen ademais asociacións de usuarios de apoio ás tecnoloxías libres, e no 90 por cento das mesmas impartíronse materias relacionadas coas tecnoloxías abertas. A publicación dos resultados da I+D baixo licenzas libres é outro dos resultados máis visibles do uso de metodoloxías baseadas na cultura do software libre.

PUBLICIDADE