O software libre español viaxa ao OSCON 2010 da man de CENATIC

xoves, 22 de xullo do 2010 Raquel Noya

CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas, está a participar en Portland (Oregón) nun dos principais eventos no mundo relacionado co software libre e as tecnoloxías abertas, a O’’Reilly Open Source Convention 2010 (OSCON), que este ano conta coa presenza de máis de 2.500 profesionais desta tecnoloxía.
Polo seu formato, trátase da única conferencia no mundo na que é posible interactuar con todo tipo de desenvolvedores, activistas, membros da comunidade, directores de tecnoloxía e líderes dos máis imprtantes proxectos de software libre a nivel mundial, tanto públicos como empresariais, todos eles “interesados en construir coñecemento en comunidade e aproveitar o potencial da innovación colaborativa”.
Manuel Velardo, director de Proxectos e Servizos de CENATIC, que se achegou persoalmente ata a OSCON 2010 para dar conta dos proxectos levados a cabo por esta entidade en España, asegura que se trata do evento “que congrega máis coñecemento no mundo en canto a open goverment, comunidades de desenvolvemento e casos de éxito de colaboración entre administracións públicas, empresas e comunidades”.
Asemade, engade, por este motivo, esta feira “é o lugar ideal para ofrecer a visión do que se está a facer en España, e sometela a debate cos principais expertos mundiais en software libre, aprendendo deles e construíndo ponte de colaboración”.
Velardo asegura que “debido á súa posición central no ecosistema do software libre español, CENATIC pode atraer boas prácticas de Estados Unidos e confrontalas cos modelos do sector en España en forma de proxectos conxuntos e modelos de relación válidos, que por lóxica, precisan ser adaptados á nosa realidade tecnolóxica, política e económica”.

PUBLICIDADE