O software libre como recurso de e-inclusión será o eixe da xornada do xoves no Centro Demostrador

luns, 16 de xullo do 2012 Redacción

O Centro Demostrador TIC de Santiago segue este verán visibilizando as vantaxes das tecnoloxías para o noso día a día, ben sexa a nivel persoal, coletivo, empresarial ou institucional. Este xoves 19, sen ir máis lonxe, falarase arreo de vantaxes sociais e de igualdade: as dos programas de código aberto no ámbito das persoas maiores, dependentes e con diversidades funcionais ou motrices. Trátase da xornada demostradora Oportunidades na accesibilidade con Software Libre, organizada co obxectivo de facer un percorrido por solucións tecnolóxicas de accesibilidade con licenza libre dirixidas, precisamente, a facilitar o acceso ás tecnoloxías e á información. Contarase coas achegas de empresas-entidades galegas como Igalia, Wireles Galicia e Gradiant. Tamén haberá espazo para falar polo miúdo do Proxecto Abalar.
A sesión vai dirixida á profesionais de diversos ámbitos de actividade (educación, socio-asistencial, asociacións, fundacións...) que traballan con ou para persoas con diversidade funcional. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.
A xornada, que se celebra de 10:00 a 14:00, comeza co relatorio Accesibilidade no entorno de escritorio GNOME, presentado por Alejandro Piñeiro, coordinador do Equipo de Accesibilidade de Igalia e coordinador do GNOME Accesibility Team da GNOME Foundation. A continuación, Juana Fernández, asesora SIEGA-ABALAR exporá as posibilidades do Software Libre na Educación, acompañada de Rosa María Garrido e Juan Carlos Buño, instrutores de Tiflotecnoloxía e Braille da Once, que compartirán a súa experiencia no uso de tecnoloxías con licenza libre con persoas con discapacidade visual.
Rematará o evento a presentación de Tecnoloxías Libres para interacción multimodal de usuarios con diversidade funcional a cargo de Iván Pozuelo, xestor de proxectos de Wireless Galicia, Esteban Vázquez, investigador de Gradiant e Antonio Cardenal, doutor en Telecomunicacións do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo. Todos eles membros do proxecto INTERACCE, cuxo obxectivo é a procura de interfaces de usuario que faciliten a interacción home-máquina, facéndoas máis usables e intuitivas, especialmente importante para o colectivo obxectivo da xornada. Esta, por certo, vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, a través da Área de Sociedade Dixital, que ten, como un dos seus obxectivos estratéxicos, o fomento e integración das novas tecnoloxías en todas as capas da poboación.

PUBLICIDADE