O servizo de vídeo en liña Voddler ultima a súa chegada a España

luns, 25 de abril do 2011 Marcus Fernández

Cando accedemos á páxina web de Voddler atopamos unha mensaxe na que nos convidan a inscribirnos para recibir unha invitación para probar o servizo que en breve estará dispoñible dende España, e que promete ofrecer milleiros de películas e series de televisión dos principais estudos cinematográficos de EE.UU. e Europa, de xeito completamente lega, e cun 80% do contido de balde. Voddler estará en poucas semanas dispoñible en español e dende España, e os usuarios que opten por unha invitación poderán participar na súa proba piloto.
Este servizo de cine en liña ofrece legalmente películas e series de televisión con modalidades de pago por visión ou financiado mediante publicidade, estando dispoñible tanto no ordenador como en dispositivos móbiles (iPhone/iPod Touch, iPad e terminais con Android) ou televisores con conexión á Rede.

A Voddler pode accederse dende multitude de dispositivos como os móbiles con Android

Na súa versión en inglés Voddler ofrece actualmente 2.203 películas, 1.506 episodios de series de televisión e 281 documentais, e entre as novidades de pagamento podemos atopar a última entrega de Harry Potter, Tron: Legacy ou La Red Social, mentres que no seu catálogo de balde temos multitude de películas de fondo, como All That Jazz, Dioses y Monstruos, La Noche Cae Sobre Manhattan, Johnny Mnemonic, El Laberinto del Fauno, Battle Royale, Saw ou Nivel 13.
Actualmente Voddler é a plataforma de vídeo baixo demanda líder en Escandinavia (estando dispoñible en Suecia, Noruega, Dinamarca e Finlandia) e España é o seu salto internacional máis importante.

PUBLICIDADE