O seminario sobre calidade do software de AGESTIC xa conta con 200 inscricións

venres, 13 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O Seminario de Sensibilización en Calidade do Software que AGESTIC organiza o vindeiro 17 de marzo vai collendo corpo, apoios e repercusión a bo ritmo. Segundo informa a entidade galega de empresas TIC, o evento responde certeiro aos intereses dunha boa parte do sector das firmas e os profesionais da nosa terra ligados ao dixital, tanto e así que a día de hoxe xa 200 persoas inscritas. A idea de AGESTIC, mesmo antes de contar con este apoio, era a de poñer en marcha o meirande evento dedicado á calidade do software dos celebrados na nosa xeografía. Polo que respecta ao encontro mesmo e aos seus obxectivos, diríxense todos a un único punto de mira: ofrecer claves, pautas e medidas eficaces contra a crise económica. A xuízo de AGESTIC, fomentar este tipo de oportunidades para compartir coñecemento e recursos constitúe o mellor xeito posible de superar as circunstancias negativas.
A xuntanza, que se celebra o devandito día no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (situado en Conxo, Santiago) conta coa axuda de INTECO, do Laboratorio Nacional de Calidade do Software e de empresas punteiras no tecido económico galego como son Tecnocom, Caixa Galicia, Balidea e Aldaba, todas elas (engade AGESTIC) coas súas respectivas certificacións de calidade e, en consecuencia, con cadansúa experiencia ou caso de éxito por contar e detallar ao longo da xuntanza.
Máis polo miúdo, estes son os obxectivos do seminario: achegar un estudo e diagnose da situación de partida e o impacto que a calidade do software ten na competitividade do sector TIC galego, promover a cultura da calidade e impulsar a cadea de valor do eido da produción do software.
A continuación incluimos o programa do seminario:
9:30h Recepción.
9:45h Apertura. Alfonso Blasco García (CNTG), José Mª López Bourio (AGESTIC), Ignacio Caño (INTECO).
10:00h Modelos de mellora de procesos. José Ramón Lamenca (ESI).
10:45h Xestión e mellora da calidade. ISO 9001 e ISO 15504. José Ángel Valderrama (AENOR).
11:30h Descanso e café.
12:00h Laboratorio Nacional de Calidad del Software. Ignacio Caño (INTECO).
12:30h Casos de éxito en empresas. José Antonio Ortega (TECNOCOM), José Antonio Fernández (CAIXA GALICIA), José Antonio Castelao (ALDABA), Carlos Segade (BALIDEA).
14:00H Comida.
15:30h Xestión efectiva da calidade dun producto software. Verificación, validación e probas. Paula Soler (INTECO).
16:15h Proceso de medición e seguimento dos obxectivos de calidade. Elena Argüelles (INTECO).
17:00h Clausura. Ignacio Caño (INTECO).

PUBLICIDADE