O sector español dos videoxogos facturou en 2006 un 12% máis ca en 2005

xoves, 13 de setembro do 2007 Raquel Noya

A industria española do videoxogo semella gozar de moi boa saúde, malia verse ameazada (ó igual que outros mercados) pola temida piratería, que segundo os responsables de contas do sector, acada o 50 por cento dos beneficios netos. O pasado ano, o tecido produtor e distribuidor incrementou as súas vendas nun doce por cento con respecto a 2005 e isto traduciuse nunha facturación de preto de mil millóns de euros (en concreto, 967, que se din axiña).
A meirande parte da devandita facturación, 576 millóns de euros, debeuse á venda de xogos, mentres que o resto, 391 millóns, recadáronse pola venda de videoconsolas. Segundo os membros da Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Entretemento (Adese), estas cifras sitúan a España como o cuarto país europeo en consumo de videoxogos por detrás do Reino Unido, Alemaña e Francia, e sitúa á industria á cabeza do sector audiovisual español, por diante do cinema (636 millóns), das películas de vídeo (442 millóns) e dos CDs de música (372 millóns).
O Anuario 2006 de Adese, que recolle os datos referidos ó volume de vendas no mercado dos videoxogos ó longo do pasado ano, reflicte que os españois adquiriron máis xogos de videoconsola ca de PC (84 por cento fronte ó 15 por cento) e que a gran maioría dos usuarios decantáronse por títulos de acción (24 por cento) antes que de aventura (22,5 por cento) de deportes (14,3 por cento) e de carreiras (13,3 por cento).
Asemade, o devandito informe sinala cómo os videoxogos veñen de traspasar a fronteira do lecer para empregarse, cada vez máis, como ferramenta de ensino. Este tipo de produtos de índole educativa van alén diversión e son moi ben recibidos nas aulas sobre todo porque os nenos estudantes están máis familiarizados con eles e pásano ben aprendendo.
Adese tamén salienta outro tipo de xogos que axudan a combater fobias e traumas ou que mesmo teñen como finalidade loitar contra a delincuencia, fomentar a solidariedade ou concienciar á cidadanía, pero estes aínda están moi lonxe de acadar cifras semellantes ós dos xogos de pelexas e de guerra; iso si, non se atopan con facilidade no “top manta”.

PUBLICIDADE