O salón MIT de Lugo abre as portas este 20 de outubro

mércores, 10 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Xa temos data concreta para a inauguración dun dos encontros que máis vai dar que falar (tecnoloxicamente falando) neste outono que está a petar a medias nas nosas xanelas. Falamos da Mostra de Innovación Tecnolóxica Empresarial de Lugo (MIT 2007), que se celebra o 20 de outubro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O salón, que está organizado pola Fundación CEL a través da Sala de Innovación Tecnolóxica SITE, vai ter unha face máis seria (a profesional, este ano dedicada especialmente a salientar as vantaxes das novas tecnoloxías no comercio) e outra máis distendida, encamiñada a achegar actividades de lecer para os nenos. Así, segundo informa a organización, poranse a disposición dos cativos ciberobradoiros e concursos de cibermaquillaxe, de reciclaxe de CDs, de deseño e impresión de carátulas personalizadas, de caricaturas ou de creación de fotos para un CD.
O encontro, que será inaugurado polo conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, ficará de portas abertas entre as 11.00 e as 21.00 horas, de xeito ininterrompido. Como dixemos antes, esta segunda edición da xuntanza vai especialmente dirixida a subliñar a importancia das novas ferramentas tecnolóxicas no eido do comercio, no camiño de achegar máis e mellores posibilidades de competir e axilidade na xestión. Segundo sinala a Fundación CEL, o feito de que sexa prioridade desta volta fomentar o emprego das novas tecnoloxías no comercio vai converter en focos de interese ás compañías que presenten produtos e servizos como terminais TPV, desenvolvemento web e comercio electrónico, telefonía, identificación por radiofrecuencia (RFID), acceso á Rede, programas de xestión integral, WiMAX ou formación tecnolóxica.
Entre outros especialistas da informática, das redes da información e divulgación, MIT contará con Javier Colomar, responsable de Desarrollo de Negocio de TPV en Sage SP (que falará de Tecnoloxía especializada para o seu negocio), Emilio Pérez Troncoso, director de Recursos Humanos de Femxa Formación (que falará sobre Novas Tecnoloxías aplicadas á formación continua) e José María López-Bourio, presidente de AGESTIC, quen afondará na Modernización do comercio a través das TIC.

PUBLICIDADE