O programa das XII Xornadas Libres nútrese xa dun bo número de relatorios e obradoiros

luns, 15 de abril do 2013 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña nunha foto de csmartinez vista en Panoramio

As Xornadas Libres de GPUL, edición número 12, seguen a coller corpo e a recibir adhesións e propostas á listaxe de relatores e ao programa de actividades. Cómpre lembrar que estes encontros de cultura e tecnoloxía en aberto, que veñen da man do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, celébranse do 24 de abril ao 25 do mesmo mes, na Facultade de Informática da Coruña. O programa das xornadas, como dixemos, vai contando xa cun bo número de achegas, xirando arredor das máis variadas cuestións (software libre, hardware libre, estándares abertos, licencias, propiedade intelectual) pero todas elas co nexo común de divulgar as múltiples vantaxes e aplicacións da filosofía-metodoloxía do open source.
As achegas en cuestión son do máis heteroxéneo, cinguíndose non só a relatorios, senón tamén a concursos e obradoiros. Entre os relatores incluídos xa no programa atopamos a José Millán Soto (métodos para colaborar nun proxecto de código aberto), Chema Casanova (licenzas libres para software libre), Santiago Munín (introdución ao Summer of Code de Google), Marcos Chavarría (Python), Emilio Padrón (introdución ao control de versións con Git), Jacobo Aragunde (deseñando hardware libre con KiCad) e Mauro Silvosa-Rivera (primeiros pasos con Arduino).

PUBLICIDADE