O programa da galega Doa a Doa, xa ten presenza na Rede
venres, 17 de abril do 2009

- Yolanda Cabrera, Valentín Carrera e Uqui Cebra na presentación da web de Doa a Doa
Doa a Doa, a serie producida por IBISAtv que emite
a TVG para manter viva na pequena pantalla a nosa tradición oral, vén de
presentar a súa páxina web no Círculo
Internacional de Prensa de Santiago, un espazo que ten como principal obxectivo
deixar constancia e presenza do legado dos nosos maiores tamén na Rede.
A web
inclúe varias seccións nas que os internautas poden obter información xeral
sobre a serie, ver imaxes tomadas durante a rodaxe, recoller datos sobre cada
un dos capítulos dende a primeira á cuarta tempada e incluso ver a fotografía
de cada un dos entrevistados ao longo das emisións. Porén o que máis destaca
nesta nova aplicación virtual é a sección de descargas, na que os usuarios
poden baixar o politon, a sintonía e ata a cabeceira do programa, de balde.
Doa a Doa é un programa que conta, na voz dos seus
protagonistas, pequenas historias de vida que moitos de nós coñecemos polos
nosos avós, unha riqueza histórica e documental que se está a perder e que é
necesario conservar en tódolos formatos posibles.
“Mesturando a sabedoría dos vellos coa
innovación dos que veñen”, IBISAtv decidiu crear un espazo propio na
Internet ao tempo que pon en marcha a emisión da cuarta tempada en antena na
TVG.
Esta
nova xeira do Doa a Doa contará cun
cento de novas entrevistas realizadas por toda Galicia con testemuñas e
vivencias dos nosos na súa infancia e xuventude, que tamén ocuparán o seu
espazo propio na Rede.
