O premio Nobel de Física, Eric A. Cornell, imparte mañá un relatorio sobre a entropía en Compostela

luns, 16 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Cornell posando a carón da catedral nunha fotografía de Santi Alvite

O programa ConCiencia da Universidade de Santiago de Compostela cotará este martes coa presenza do científico Eric A. Cornell, galardoado co Nobel de Física aos 39 anos de idade e que participará neste programa de divulgación científica dirixido polo profesor Jorge Mira.
A xornada de mañá comezará cunha recepción ás 10:00 en San Xerome por parte do reitor Juan Casares e na que Cornell asinará no Libro de Honra da Universidade, para trasladarse ás 12:00 á Aula Magna da Facultade de Óptica e Optometría para manter un encontro con persoal científico do grupo de Fotónica da USC, no que comentará “por que o cristal quente é máis pegañento que o frío”.

Jorge Mira presentou aos medios de comunicación a Eric A. Cornell (Fotografía de Santi Alvite)

Xa pola tarde, e para o público xeral, Eric A. Cornell impartirá un relatorio titulado Folgazán vs. Descoidado: a historia épica da enerxía, entropía, temperatura, o último destino do universo e o rol do sobrenatural no auditorio de Nova Caixagalicia Banco (no número 22 da rúa Preguntoiro). Esta actividade que comeza ás 20:00 horas tentará explicar a segunda lei da termodinámica.
O estadounidense Eric Allin Cornell conseguiu o premio Nobel en 2001 por acadar condensación de Bose-Einstein (estado da materia predito nos anos 20 por Satyendra Nath Bose e Albert Einstein) en gases diluídos de átomos alcalinos e polos primeiros estudos fundamentais das propiedades de ditos condensados. Este estudo pechou unha busca de 70 anos no mundo da física e marcou un antes e un despois na disciplina, á vez que espérase que sexa unha importante contribucíión ao ámbito das TIC.

PUBLICIDADE