O papel da muller na nova era da comunicación, a debate en marzo na USC

martes, 22 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Facultade Ciencias da Comunicación de Santiago dará acubillo en marzo á segunda edición duns encontros dirixidos a fomento dun novo tipo de xornalismo que, malia os avances que se rexistran, non dá chegado coa forza precisa: un xornalismo que respecte e promova o papel da muller no mundo, contribuíndo á súa visualización nos formatos dixitais da información, que a fin de contas é o que conecta coa xente nova e co mundo que está por vir. As II Xornadas sobre Información e Xénero desenvolveranse entre os días 21 e 25 de marzo e están organizadas polo grupo CIDACOM.
Ao seu abeiro vanse dar cita expertos en comunicación e xénero e todo tipo de persoal docente, mesmo profesores e investigadores directamente relacionados coas novas tecnoloxías dixitais. Segundo informa a USC, a iniciativa encamíñase a dar acubillo a estudantes, pero tamén a profesionais das Ciencias da Comunicación, así como a persoas en xeral que desexen unha achega interdisciplinaria á perspectiva do xénero.
A inscrición e matrícula xa se pode formalizar ata o próximo 10 de marzo.Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a infoxenero.blogaliza.org.

PUBLICIDADE