O novo xogo de Zelda para Wii chegará o 18 de novembro

mércores, 17 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Nintendo confirmou hoxe que The Legend of Zelda: Skyward Sword para Wii chegará ás tendas europeas o vindeiro 18 de novembro, título que virá precedido por The Legend of Zelda: Four Swords, adaptación dun xogo de Game Boy Advance que poderá descargarse de balde a través de Nintendo DSiWare (para DSi e 3DS) como parte das celebracións do 25º aniversario da saga protagonizada polo valente Link.
Skyward Sword será a aventura que establecerá os alicerces para os eventos do argumento de Ocarina of Time (que hai pouco estreou remake para a Nintendo 3DS), de xeito que os máis fieis seareiros de The Legend of Zelda estarán encantados de enriquecer esta historia. Esta nova entrega da saga combinará aventuras en terra firme con viaxes de exploración sobre as nubes, destacando por tirar proveito do mando de Wii Plus, de xeito que reflectirá os movementos do mando do xogador con grande fidelidade á hora de empuñar a súa espada, dando pé a un sistema de combates moi completo e divertido, no que cada inimigo suporá o reto de analizar os seus movementos e atopar os seus puntos febles.

Xogos para a segunda metade de 2011


A compañía nipona tamén anunciou parte dos xogos que distribuirá no que resta de ano, como os títulos para Nintendo 3DS Super Mario 3D Land en novembro e Mario Kart 7 e Super Pokémon Rumble en decembro, e as novas aventuras de Kirby: con Kirby’s Adventure Wii para a consola doméstica e Kirby Mass Attack para as portátiles.
Os usuarios da Nintendo 3DS tamén poderán descargar da Nintendo eShow xogos como Zen Pinball 3D, Mighty Switch Force e Mutant Mudds; mentres que dende a consola virtual tamén achegará xogos de Game Boy adaptados á 3DS como Super Mario Land 2: 6 Golden Coins e Metroid II: Return of Samus.
Máis pronto pillaranos Xenoblade Chronicles, un xogo de rol para Wii que chegará este mesmo venres ás tendas españolas acompañado de moi boas críticas.

PUBLICIDADE