O novo proxector The Freestyle integra xogo na nube

xoves, 17 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Samsung levou ao CES de Las Vegas o ano pasado o seu versátil proxector compacto The Freestyle, e agora renova o produto, e na súa segunda xeración non só promete proxectar unha pantalla de até 100 polgadas en case calquera superficie, senón que como principal reclamo ten a integración de funcionalidades de Smart TV, moi concretamente o Samsung Gaming Hub, ou sexa, que permite gozar de xogos na nube a través de plataformas como as de Xbox e nVIDIA, o que pode resultar moi interesante se temos en conta o reducido tamaño deste dispositivo.
The Freestyle Gen 2 é un produto que emprega a simplicidade como principal atractivo, pois practicamente chega con enfocalo á superficie que queiramos empregar para a proxección e prendelo para poder gozar dunha experiencia audiovisual completa. Conta con aplicacións como Spotify, YouTube, Twitch, Netflix... e se conectamos un mando Bluetooth ao proxector, tamén podemos gozar do xogo na nube sen a necesidade de ter un ordenador persoal ou unha consola. Pode proxectar unha imaxe de entre 30 e 100 polgadas cunha resolución Full HD, e pode inclinarse 180 graos (de xeito que serve tanto para proxectar na parede como no teito) e integra un altofalante de 360 graos, polo que é un produto que podemos empregar case en calquera recanto do fogar, especialmente se adquirimos unha base con batería que permite o seu uso sen conectar á corrente eléctrica. Cómpre lembrar que este tipo de proxector (cun brillo de só 230 lúmenes) están orientados ao seu uso en interiores, en estancias escuras.
Este proxector sae á venda nos EE.UU. o vindeiro 30 de agosto a un prezo recomendado de 799,99 dólares, e previsiblemente o veremos en España dentro de poucas semanas a un prezo de 799 euros (que é o prezo que ten actualmente o modelo de 2022).

PUBLICIDADE