O novo filme de Superman inspira un xogo para dispositivos móbiles

xoves, 13 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Aproveitando a estrea da película El Hombre de Acero nos EE.UU. (a España chegará unha semana máis tarde) Warner Bros. estrea videoxogo inspirado na nova saga fílmica do derradeiro fillo de Krypton, optando por comercializalo para dispositivos móbiles, de xeito que xa podemos descargar por 2,69 euros unha versión para iPhone e iPod Touch ou por 4,49 euros unha versión optimizada para iPad deste xogo de loita no máis puro estilo de Infinity Blade (seguido hai pouco por Avengers Initiative e o máis recente Injustice: Gods Among Us) que consiste en defender a Terra da ameaza do xeneral Zod.
En Hombre de Acero podemos atacar, esquivar, bloquear e utilizar distintos superpoderes (voo, supervelocidade e visión calorífica) para derrotar ás forzas de Zod, tanto nun modo historia como nun modo supervivencia (no que haberá que procurar conseguir a maior cantidade de puntos posible).
O xogo conta con gráficos detallados tanto no móbil coma no tablet, sitúa os combates en diferentes ambientes que recrean contornos familiares para os seareiros de Superman (como a granxa dos Kent en Smallville), e aínda que no momento de escribir estas liñas só está dispoñible para iOS, nas vindeiras horas agárdase a chegada da súa versión para Android en Google Play e na Amazon Appstore.


Trailer do xogo móbil inspirado na nova película de Superman

PUBLICIDADE