O mercado do software libre medrará en máis dun 20% ao longo dos vindeiros catro anos

xoves, 3 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Non é xa que ao software libre só lle quede un camiño, o de medrar, é (tamén) que o software en xeral é cada vez máis libre. Estas e outras circunstancias, unidas a un cada vez maior compromiso a prol dun tipo de programación, a aberta, que en liñas xerais permite máis e mellor adaptabilidade, estanlle a crear un panorama mundial axeitado ás empresas que apostan por este tipo de traballo non privativo. Segundo un estudo feito pola firma consultora IDC e reflectido polo Centro Mancomún, a venda deste tipo de programas vaise incrementar en dous díxitos para o ano en curso e até 2013. Nesta investigación, Worldwide Open Source Software 2009-2013 Forecast, achéganse tamén datos concretos sobre o medre da programación aberta: a firma prognostica que de aquí até o devandito ano os beneficios xerados pola distribución comercial de código aberto terán unha taxa de crecemento anual do 22,4% até chegar aos 8,1 mil millóns de dólares ao final do prazo establecido.
Con todo, que ninguén agarde un comportamento empresarial radicalmente distinto do posto a proba e experimentado longamente polas empresas do código pechado. Haberá diferenzas, si, sobre todo no que se refire a unha competencia máis san, pero tamén haberá semellanzas, máis que nada na febre de adquisicións que acompaña a todo sector en auxe. “O máis grande é o que obterá maior potencial para manterse independente”, sinalan os responsables do estudo. Malia todo, agárdase que mesmo neste fervedoiro previsible de adquisicións impere un espírito de beneficio mutuo e colaboración aberta.

PUBLICIDADE