O mando da Nintendo Wii poderase empregar coma volante cun sinxelo accesorio

xoves, 5 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A consola Nintendo Wii será a revolución dos videoxogos para a campaña de Nadal, da que vamos sabendo detalles pouco a pouco. Así, sabemos que o mando de control ten sensores de posición que permiten, por exemplo, xogar ó tenis coma se tivésemos unha raqueta na man, pero o que resulta un tanto sorprendente é que tamén se poida empregar coma volante de condución. Así, en vez de ter que empregar un aparatoso volante ancorado a unha mesa como se fai con outras consolas e ordenadores, coa Wii poderase empregar o volante no aire, xa que non será máis que un engadido para o mando habitual, que lle dará forma de volante, ou sexa, que só será un complemento para o controlador ordinario e que se incluirá de serie cos xogos GT Pro Series e Monster 4x4 World Circuit.
Esta innovación non excluirá a creación de volantes tradicionais para a Wii, pero supón un primeiro achegamento ós xogos de motor a un prezo moi reducido, o que agradecerán moitos usuarios.
Podemos ver un vídeo co funcionamento deste curioso volante:

PUBLICIDADE