O libro Comezar con Ubuntu estrea páxina web

xoves, 2 de decembro do 2010 Marcus Fernández

A comunidade de usuario de código aberto en Galicia leva anos esforzándose en achegar ferramentas informáticas á nosa sociedade adaptándoas á nosa lingua, pero esta labor localizadora non está limitada á interface de uso dos programas, senón que incluso chega á súa documentación, e nesta liña vén de estrear páxina web o libro Comezar con Ubuntu, texto que serve de guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu (concretamente na súa versión 10.04) e está escrito cunha licenza aberta que permite non só a súa descarga de balde, senón tamén a súa modificación e compartición.
Comezar con Ubuntu axuda a familiarizarse coas tarefas diarias nun equipo informático (navegar pola web, escoitar música, escanear documentos…) dun xeito moi doado, con capturas de pantalla da versión en galego de Ubuntu e incluso cunha sección para axudar ao usuario a solucionar os problemas que poidan xurdir no uso desta distribución de Linux.
Este volume de 172 páxinas é unha tradución do manual de Ubuntu levada a cabo por Francisco Diéguez, Enrique Estévez, Antón Méixome e Miguel Bouzada, membros da comunidade galega de software libre apoiada pola Oficina de Software Libre da USC e o Concello de Dodro, coa contribución de Denis Fernández no deseño da súa portada. Os participantes nesta iniciativa de tradución son todos membros do Proxecto Trasno, no que localízanse distintas solucións de software libre ao galego como as aplicacións FileZilla, OpenOffice e LibreOffice, os contornos gráficos KDE e GNOME e as distribucións GALPon MiniNo, Debian e openSUSE.

PUBLICIDADE