O iREX 2007 presenta no Xapón as últimas novidades no mundo da robótica

xoves, 29 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Simroid emula a un pacente no dentista

A capital nipona acolle ata o vindeiro sábado a Feira Internacional do Robot 2007 (iREX) nun evento no que 199 empresas e 66 organizacións de todo o mundo amosan as últimas innovacións relativas á robótica, dando especial importancia á súa aplicación á vida diaria.
Entre as moitas novas que se poden ver na feira, destaca especialmente un androide que imita o comportamento dun paciente no dentista, Simroid, que xesticula, móvese e reacciona ás atencións do odontólogo. Así, cando o dentista lle toca unha zona sensible, o robot de 1,60 metros quéixase e amosar na súa cara as molestias que sentiría de ser unha persoa de verdade, de xeito que esta muller cibernética podería servir para o adestramento de futuros especialistas. Os creadores deste androide valorado en preto dun millón de dólares están a pensar na súa fabricación a grande escala para a súa comercialización para hospitais e centros universitarios.

O androide Twendy-one axuda nas tarefas do fogar

Aparte dos dentistas, tamén os futuros pais poden facer uso da robótica para prepararse no tratamento dos cativos con bonecos intelixentes coma My Baby, que teñen unha aparencia moi realista, e reaccionan ós coidados recibidos dun xeito moi fiel á realidade.
Pero aparte da simulación, os fabricantes están a enfocar os seus novos desenvolvementos a axudar ás persoas, de xeito que existen robots humanoides coma Twendy-one que pretenden axudar nas tarefas domésticas, dirixíndose así ás persoas de avanzada idade, atendendo unha necesidade social, pois asistiría ós maiores a erguerse da cama ou preparar o almorzo, avanzándonos o que podería ser a robótica do futuro.
Podemos botar unha ollada ó máis representativo do iREX 2007 no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE