O futuro da TDT, a debate nas Illas Canarias

venres, 22 de febreiro do 2008 Raquel Noya

A chegada do apagamento analóxico, que obrigará ás operadoras de televisión a enviar os seus sinais de xeito dixital, xa é inminente, algo que suscitou un amplo debate en todos os sectores implicados no eido audiovisual dende que se fixou a data para o vindeiro ano 2010.
Co obxectivo de dilucidar o futuro próximo da Televisión Dixital Terrestre, o Goberno de Canarias, en colaboración con Egeda (Entidade de Xestión dos Dereitos dos Produtors Audiovisuais) veñen de anunciar a organización do VI Simposio Dixital Español, que, baixo o lema A Televisión Dixital: un novo contexto para a industria audiovisual, reunirá en Gran Canaria do redor de sesenta profesionais e 20 empresas do sector audiovisual para debater sobre as repercusións que traerá consigo a implantación da TDT a consumidores, operadores de televisión, industria electrónica, creadores de contidos e empresas emisoras.
O devandito simposio terá lugar os días xoves 28 e venres 29 de febreiro na localidade de San Bartolomé de Tirajana, na illa de Gran Canaria.

PUBLICIDADE