O funcionariado galego pide que se aposte polo software libre

martes, 14 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O software libre ten un amplo potencial de uso e, tamén, de aforro. En realidade, as mellores ferramentas de programación aberta soen ter tódalas vantaxes do software propietario (ou mesmo máis nalgúns casos, segundo confirman os usuarios habituais) e co engadido do seu prezo moito máis reducido, ao non ter que pagarse licenzas. Tendo en conta isto, os impulsores do código aberto entenden que apostar nas administracións pública por estes programas está, nestes tempos de crise, máis xustificado ca nunca. Así o entenden tamén, infórmase dende a web de El Mundo, os traballadores dos servizos centrais da Xunta.
Estes traballadores, a través da xunta de persoal e do comité de empresa, veñen de presentar propostas para acadar máis aforro a través da implantación integral, a tódolos niveis, de software libre. Ao seu xuízo, a medida pode aforrar moitos cartos dende o primeiro intre. Ao seu xuízo de Fernando Acero, vía Kriptópolis, cómpre ter en conta o que aforran institucións como a Junta de Estremadura, que é quen de evitar o gasto de até 37 millóns de euros anuais grazas ao afianzamento integral de código aberto no seu seo.
A proposta de apostar polo software libre que vén da man dos traballadores dos servizos centrais da Xunta insírese nunha listaxe de dez capítulos, todos eles a conto das medidas de axuste que se preparan e destinados a incidir en gastos completamente prescindíbeis, de xeito que non sexa “preciso tocar os gastos de persoal propio”. No seu escrito piden “a implantación de software libre na administración galega ou que se derogue unha disposición que establece un incremento do complemento de destino para os directores xerais”.

PUBLICIDADE