O filme galego Espírito do Bosque proxéctase a partir deste venres en 200 salas de toda España

xoves, 11 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Este venres 12 de setembro chega finalmente as pantallas de cinema un dos produtos audiovisuais máis agardados desta tempada, non só polo estritamente cinematográfico, senón tamén polo traballo técnico que houbo detrás ao longo da rodaxe, principalmente no deseño de personaxes e escenarios a través das novas ferramentas dixitais. Falamos de Espírito do Bosque, a terceira longametraxe de animación do selo galego Dygra que vai ser distribuída nas salas de toda España (máis de 200) por Manga Films e que conta en labores de dobraxe coa participación dos actores Luis Merlo, María Adánez, Juan Ibáñez e Damián Molla (coñecidos os dous últimos por poñerlle voz ás formigas do programa de televisión de Pablo Motos).
Segundo apunta a firma Dygra nun comunicado, a estrea do filme prodúcese nun intre de especial actividade para a empresa. De feito, hai poucos días o filme galego foi seleccionado para concorrer na sección oficial do Festival Internacional de Cine Infantil de Chicago, un certame que se vai desenvolver entre o 23 de outubro e o 2 de novembro deste mesmo ano.
Para este fin, a empresa con sede na Coruña xa anunciou que a participación en Chicago ten a arela de chegar a todo o público posible, de aí que estea previsto proxectar a versión dobrada ao inglés de Espírito do Bosque, que, tal e como falamos hai meses nesta mesma web, contou coas voces de actores de gran prestixio no eido internacional: Anjelica Huston, Ron Perlman (Hellboy I e II), Sean Astin (O señor dos aneis I, II e II) ou Giovanni Ribisi. Segundo engade o selo Dygra, a estrea do filme na competición de Chicago constitúe un acontecemento importante para o noso audiovisual, sobre todo se temos en conta que se conta entre os máis importantes do mundo (vai pola 25 edición) dentro do eido do cine infantil.

PUBLICIDADE