O filme dixital galego Ulises a Zampamonstros comeza a deixar pegada na Web

xoves, 15 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Web espállase e semella que pecha fileiras arredor do filme en formato dixital Ulises a Zampamonstros, un proxecto audiovisual da Asociación Cultural Alifáfaro e máis a produtora Deboura que vai ser presentado este venres na Fábrica de Chocolate en Vigo a medioanoite nun acto de posta en longo/festival que contará coa presenza do grupo F.A.N.T.A., do DJ Chiri e de Juan de Pablos de Radio 3.
O caso é que a longametraxe (escrita, producida e dirixida por Nerea Castro) xa conta con páxina web (vaise abrir en cuestión de horas) e máis con pegadas en YouTube e nos espazos virtuais de Alifáfaro e Deboura.
Cómpre sinalar que Ulises a Zampamonstros, que está neste intre en fase de preprodución, relata a historia dunha moza que procura o rescate do seu mellor amigo nunha Galiza devastada polo gas tóxico procedente dos residuos tóxicos vertidos na Fosa Atlántica por Gran Bretaña (os tristemente famosos bidóns de materiais radioactivos deixados alí, como lixo embaixo dunha alfombra, polo goberno de Margaret Thatcher).

PUBLICIDADE