O filme Los Juegos del Hambre: En Llamas chega aos cines acompañado por un xogo móbil

venres, 22 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos anos vimos como moitas películas están deixando de lado os videoxogos oficiais en plataformas domésticas para centrarse en dispositivos móbiles, conseguindo así acadar un éxito modesto por non ter que superar as esixencias dun xogo de consola (o que habitualmente non conseguen), e filmes como Brave e Oz, un mundo de fantasía optaron por saltar aos vindeoxogos con versións personalizadas do popular Temple Run, e na mesma liña chega esta semana The Hunger Games: Catching Fire: Panem Run, un runner inspirado na última película da saga de Los Juegos del Hambre.
Este novo xogo está xa dispoñible de balde en Google Play e na App Store, e permítenos percorrer 3 dos 12 distritos en niveis xerados aleatoriamente (o número de distritos ampliarase en futuras actualizacións) nos que recoller faíscas e materiais para sintetizar potenciadores e participar nunha competición mundial para conseguir a primeira posición.
Panem Run convídanos a correr sen parar, desafiar aos nosos amigos e competir con usuarios de todo o mundo saltando, esquivando e destruíndo obxectos cunha mecánica que resultará familiar a calquera afeccionado e á que engaden algunhas probas un tanto diferentes, como a posibilidade de realizar probas de tiro con arco. Un título que agradecerán os que gusten de Los Juegos del Hambre: En Llamas e os afeccionados a xogos cunha mecánica sinxela pensada para pantallas táctiles.


Trailer do novo xogo para dispositivos móbiles

PUBLICIDADE