O episodio final de True Detective provoca a caída de HBO GO

luns, 10 de marzo do 2014 Marcus Fernández

HBO GO achega as emisións á carta a dispositivos móbiles e ordenadores

A pasada noite nos EE.UU. puido verse o episodio final da primeira tempada dun dos fenómenos televisivos dos últimos meses, a serie True Detective, que sumando estrelas como Woody Harrelson e Matthew McConaughey, cunha boa ambientación e unha atractiva historia conseguiu capturar a atención dunha audiencia que agardaba con inquedanza o remate desta historia, o que moitos non puideron conseguir, xa que a forte demanda do episodio desta semana provocou que o servizo de vídeo baixo demanda da HBO deixase de estar operativo, creando unha grande frustración entre os espectadores.
HBO GO é unha plataforma de pagamento nos EE.UU. que permite o acceso ao catálogo de contidos da HBO (películas, series, eventos deportivos...) dende o ordenador, así como a través de dispositivos móbiles con iOS ou Android, o que é unha demanda cada vez máis elevada á que poucas compañías están a saber responder axeitadamente.
O acontecido a pasada noite era dificilmente xustificable, pois era de prever un importante volume de accesos ao novo episodio de True Detective, xa que a serie levaba semanas gañando atención. Se temos en conta que o servizo da HBO é máis caro que o da competencia (Netflix) que, por outra banda, si está sabendo responder á vaga de usuarios que acceden aos episodios de House of Cards, temos unha situación na que as compañías de televisión teñen que adaptarse seriamente ao novo contorno dixital se non queren perder a súa reputación e, consecuentemente, os clientes gañados durante anos de bo traballo en plataformas tradicionais.

Woody Harrelson e Matthew McConaughey son dous dos principais reclamos de True Detective

PUBLICIDADE