O encontro para a mocidade en liña de Ponteareas abre as súas portas o vindeiro 15 de abril

venres, 8 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando pouco para a Sobrosoparty, encontro informático para a mocidade que este ano coincide con Xuventude Galicia Net (de semellantes características, aínda que máis ambicioso en canto a número de participantes se refire) e que xa ten dende hai semanas a páxina web, www.sobrosoparty.es, a pleno rendemento. A Sobrosoparty, para quen non o saiba, celébrase en Ponteareas entre os días 15 e 17 de abril, e vén da man do propio Concello, que conta para esta celebración co apoio da Deputación de Pontevedra, a Xunta e o selo Galicia Calidade. A xuntanza en liña, que se desenvolve no Pavillón municipal de Ponteareas, é xa un clásico dentro da nosa terra. De feito, vai xa pola súa oitava edición, cousa que non salienta dende o punto de vista dos encontros multitudinarios en xeral, pero si que ten importancia si temos en conta o moito que se renovan os formatos, as canles e os contidos ao abeiro das cousas que acontecen na sociedade dixital.
Polo que atinxe ás previsións de participantes, o Concello agarda dar acubillo a unha cifra semellante á acadada en edicións previas: arredor de 300 persoas.
A Sobrosoparty, amais de acceso de alta velocidade á Internet, pon a disposición da mocidade galega un abano variado de actividades de lecer, de divulgación tecnolóxica e de intercambio de coñecemento. Dentro deste feixe de cousas a ter en conta, cómpre salientar os relatorios, os concursos e os torneos de videoxogos (Counter Strike Source, Age of Empires II, Call of Duty, Guitar Hero) que se están a preparar no programa.
As bases para participar en cada unha das competicicións atópanse en Sobrosoparty.es, e para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a xogos@sobrosoparty.es co seu nick e coa relación de xogos nos que quere competir. Por certo que, tal e como vimos de comprobar visitando a web en cuestión, as listaxes de persoas inscritas actualízanse cada pouco, cousa útil para saber se fixemos ben as cousas á hora de darnos de alta, ou se hai praza dispoñible.
Asemade, dende Sobrosoparty fixeron públicos recentemente os certames que van ter lugar este ano e nos que poderá participar calquera persoa interesada; trátase dun de fotografía dixital (tema libre, esixíndose imaxes sen retocar e inéditas, aberto a tódolos participantes da xuntanza), dun para o deseño do logo e doutro de fotocomposición, que debe ter contido relacionado coa party. Para concorrer neste último, requírese que se trate dun deseño propio.
No tocante aos obradoiros, a organización vén de confirmar a celebración do curso Introdución os Cartalumes, impartido por un estudante da Universidade de Vigo e tamén un de Creación de Videoxogos, impartido por unha importante empresa galega do sector que os responsables do evento aínda non revelaron. Asemade, tamén está previsto o desenvolvemento dunha actividade de programación para o sistema operativo para teléfonos móbiles Android, impartida por Alberto Ruibal, fundador de mobialia.com e responsable da creación e posta en marcha de diversos aplicativos para o dito software.

PUBLICIDADE