O empresariado de Ferrolterra fórmase esta semana en facturación electrónica

luns, 28 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresarios de Ferrolterra vai achegar luz esta semana sobre algúns dos detalles máis relevantes que deben coñecer as empresas e os autónomos no seu camiño cara a transformación tecnolóxica. Estamos a falar da xornada informativa A facturación electrónica entre subcontratistas e contratistas do sector público, empresas privadas... Na sesión afrontaranse as principais metodoloxías a seguir para a implantación nunha empresa do devandito sistema de xestión dixital. O obxectivo da xornada é “fomentar o emprego da facturación electrónica mediante a difusión dos beneficios que ofrece e a aplicación práctica nas empresas”.
Amais, a AEF quere axudar ás firmas da contorna a adestrarse e prepararse en base aos cambios que supón o novo modelo. A xornada será impartida por Daniel Cerqueiro, que conta con máis de 15 anos de experiencia nas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), é licenciado e doutoramento en Ciencias Físicas e actualmente é CMO da empresa Enxendra.
Nesta xornada, que se celebra este mércores 30 de 10.00 h. A 11.30 h na sede da AEF, abordaranse diferentes aspectos relacionados coa facturación electrónica: formato e características técnicas; situación en España no sector publico e entre empresas privadas, o marco normativo, plataformas FAC e B2B, impacto entre contratistas e subcontratistas, alternativas para crear facturas electrónicas, etc. Os asistentes poderán aclarar as dúbidas sobre a súa obrigatoriedade, utilización, elaboración das facturas electrónicas e integración na empresa. Para poder participar cómpre formalizar a inscrición en info@empresarios-ferrolterra.org ou no teléfono 981 33 33 05.

PUBLICIDADE