O editor de criaturas para Spore sairá no mes de xuño

venres, 25 de abril do 2008 Marcus Fernández

O agardado novo xogo de Will Wright (creador de SimCity e os Sims) está a piques de converterse nunha realidade despois de varios anos nas listaxes de vaporware (pois xa se viña anunciando dende 2005, dando a impresión de que nunca chegaría a comercializarse) e o vindeiro 17 de xuño é a data elixida para o lanzamento do editor de criaturas de Spore, que se venderá a 9,99 euros, aínda que tamén contará cunha versión demostrativa.
A versión de pago achegará tódalas posibilidades de creación de criaturas para Spore, mentres que a demo só dará acceso ao 25% dos elementos. A idea da creación de criaturas é que os usuarios as poidan compartir cos seus amigos e mesmo poidan xerar vídeos para subir a YouTube.
Pero o Spore Creature Creator só pretende introducirnos na nova creación de Wright, pois non será ata o 5 de setembro cando chegue a Europa a versión definitiva de Spore para PC e Mac, á que seguiría tamén unha adaptación para Nintendo DS e, máis adiante, para Wii.

PUBLICIDADE