O director Michael Moore porá o seu último filme para libre descarga

venres, 5 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Michael Moore, un dos directores de cine estadounidenses máis críticos co réxime político do seu país, semella que lle gusta a Internet. E menos mal que así é, porque tendo en conta os poucos miramentos que tivo nos seus anteriores de traballo de denuncia con Roger Smith (de General Motors), co actor Charlton Heston ou co presidente George Bush, máis lles valía ás empresas que operan na Rede e para a Rede irse encomendando a San Antón. Pero non é así. De feito, o implacable director de documentais vai usar a Internet para estrear o seu máis recente documental, logo de Sicko (2007), aínda inédito nas pantallas do país.
O 23 de setembro é a data elixida para ir abrindo boca con Slacker Uprising, un traballo que, como vén sendo habitual neste director, ten a súa principal razón de ser nun elaborado proceso de menoscabo de algo ou alguén, tocándolle desta volta aos propios demócratas (os contrincantes de W. Bush e do seu equipo, que nas eleccións de 2004 non deron a talla para quitar ao actual presidente de en medio).
O novo filme, que detalla polo miúdo unha excursión de Moore polo territorio do seu país á procura das razóns do elevado índice de abstención da mocidade, ficará a disposición dos internautas para a súa descarga de balde ao longo de tres semanas, concretamente a partir do 22 de setembro.
Máis tarde, poderemos mercalo en DVD nos establecementos de venda en liña de costume. Segundo se detalla en Cnet e máis en El Mundo, a idea básica de Moore con esta iniciativa é darlle un agasallo aos seus seareiros. “O único que agardamos é unha gran participación dos novos votantes nas eleccións presidenciais de novembro”, comentou o propio director.

PUBLICIDADE