O debate entre Zapatero e Rajoy poderase seguir pola Internet

luns, 25 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Olga Viza e Campo Vidal presentarán os debates dos candidatos

Esta noite se celebrará o primeiro debate televisivo entre José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy, que chegar ós fogares a través do sinal dunhas 29 televisións entre as que están as xeralistas La 1, Cuatro e La Sexta, a TVG, as canles de TDT Canal 24 Horas, Veo TV e Net TV, e numerosas televisións de ámbito local, que en boa parte dos casos se complementará con programas especiais antes e despois do debate entre os candidatos a ocupar a presidencia do Goberno de España.
Pero este evento non quedará só nas ondas, senón que tamén se poderá seguir a través da Internet, da man RTVE, Cuatro e La Sexta, no bando das canles de televisión e tamén vía medios electrónicos coma Periodista Digital e a páxina do xornal 20 Minutos, o que facilitará o seguemento do enfrontamento dialéctico cunha cobertura sen precedentes na política española.

La Sexta adaptará os seus programas para dar unha maior cobertura ó debate

Arsenio Escolar, director de 20 Minutos, explicou no seu blog que a Academia da Televisión, organizadora dos debates, achegará un sinal en streaming de vídeo para que o sirvan os medios de Internet que o precisen e que empregará a plataforma Windows Media para chegar ás pantallas dos nosos equipos informáticos.
Pero as innovacións non quedan aí, senón que Cuatro non se limitará a emitir o debate a través de televisión e Internet, senón que tamén permitirá ver o evento a través de móbiles de Orange con tecnoloxía 3G, os que poderán ver de balde o debate dentro do portal Orange World. Para permitir certa interacción cos espectadores, Cuatro tamén contará cun chat smultáneo á emisión, un foro e a posibilidade de enviar comentarios a través de SMS.
Televisión Española e La Sexta tamén modifican a súa programación para ofrecer especiais sobre o debate, que tamén permitirán seguir pola Internet.

PUBLICIDADE