O creador de Cálico Electrónico impartirá un obradoiro de animación na Escola Unitaria

luns, 3 de abril do 2017 Marcus Fernández

Nikotxán durante unha charla impartida na Hobbycon de 2014

A Escola Unitaria, sita na Calzada de San Pedro en Santiago de Compostela, prepara para os días 20 e 21 de maio un interesante curso de animación para webseries con tecnoloxía Adobe Flash que impartirá Carlos Gómez Nikotxán, o creador da popular serie animada Cálico Electrónico e de moitas outras obras como Las Crónicas Trol, Pésame Street ou os YouTurris.
O curso de 12 horas busca introducir á animación de personaxes cadro a cadro e por interpolación de símbolos, incluirá exercicios de sincronización de beizos e actuación, incluirá a creación de multiplanos e aplicará as bases da animación, de xeito que calquera afeccionado á animación que queira dar os seus primeiros pasos terá unha excelente actividade que combina teoría e práctica.
Os interesados en acudir terán que levar o seu ordenador portátil co Adobe Flash instalado, auriculares e tableta gráfica (para debuxar), así como aboar os 100 euros de inscrición que ten este obradoiro que só permitirá a participación de 10 persoas.

PUBLICIDADE