O considerado RPG do ano para PS3 non está á venda en Europa

luns, 28 de decembro do 2009 Marcus Fernández

A política de comercialización de videoxogos en Europa resulta sorprendente en moitos casos, con títulos que chegan sen dobrar ou con moito retraso, pero este ano un xogo de rol para PlayStation 3 está a protagonizar unha situación do máis surrealista, posto que pese a estar a recibir múltiples recoñecementos, non está a comercializarse directamente dentro das nosas fronteiras, de xeito que quen queira facerse cunha copia de Demon’s Souls deberá acudir á importación.
En España moitos consideran que o RPG do ano é Dragon Age Origins, pero iso é porque non puidemos contrastar ese xogo con Demon’s Souls, título que non contou co apoio de distribuidoras locais, mentres que no estranxeiro publicacións coma Gamespot considerar que é o mellor xogo de rol do ano, e incluso chegan a cualificalo coma o mellor xogo do ano para a PlayStation 3. E non quedan sos no seu recoñecemento, senón que IGN e Gametrailers tamén consideran que Demon’s Souls é o mellor xogo RPG do ano, polo que é unha mágoa que o público europeo non poida gozar de xeito doado dun produto tan destacado, que incorpora moitos elementos inéditos, algo que sorprende nun xénero no que moitos desenvolvedores resístense a innovar.


Vídeo no que podemos ver o xogo en funcionamento


Selección de candidatos elixidos por Gametrailers coma xogos RPG de ano

PUBLICIDADE