O concurso Sensores para todos terá unha nova edición grazas a IGACIENCIA e o Concello da Coruña

xoves, 17 de febreiro do 2022 S. P.

IGACIENCIA e o Concello da Coruña veñen de anunciar unha nova edición do concurso Sensores para todos, un encontro que ten a vontade de achegar a xente nova á programación e ao uso das tecnoloxías electrónicas e robóticas. Dicir que o dito concurso está encamiñado a grupos de alumnos e alumnas de centros educativos de Educación Primaria até Bacharelato e Formación Profesional de grao medio.
Deste xeito IGACIENCIA e o Concello da Coruña colaboran neste concurso patrocinando os premios que consisten en material de informática-tecnoloxía para os centros educativos gañadores por un importe máximo de 300 euros no caso do primeiro premio, e de 200 euros no caso do segundo.
Cómpre informar que é posíbel presentar propostas deica o 1 de xuño. O concurso centrarase en experimentos con sensores con Arduino, Raspberry Pi, smartphones e tabletas (Android ou IPhone) e Robots Lego ou Mbot. Tamén aplicacións con GPS e mesmo Internet das Cousas, conectando en rede e coa rede os sensores.
A finalidade deste certame é darlle unha viraxe á función destes materiais, por exemplo: facer recollida de datos (datalogging) e representar os resultados de varios experimentos científicos; formular e responder con datos a varias preguntas; coñecer novas leis científicas; manexar Calc ou Excel para facer representacións gráficas que permitan tirar conclusións dos datos recolleitos polos sensores, entre outras cousas.


PUBLICIDADE