O colexio coruñés Eirís integra o iPad como ferramenta de uso educativo

xoves, 10 de maio do 2012 Raquel Noya

O Colexio Internacional Eirís da Coruña, que leva apostando dende hai uns anos por darlle pulo á integración das TIC no seu sistema escolar, vén de incorporar nas súas aulas os coñecidos e cotizados iPad, para usalos como ferramentas de ensino na súa contorna.
Os responsables da iniciativa xustifican a decisión de empregar o iPad nas súas aulas por representar este “ un paso máis no acceso á información e á interacción co contido” “grazas”, segundo din, “á sinxeleza do seu sistema operativo e ás súas diferentes aplicacións, que poden manexar directamente os alumnos e alumnas a través da pantalla táctil”.
E é que efectivamente, a funcionalidade deste tablet patentado por Apple vai permitir que a primeira fase do proxecto se centre nos grupos de Infantil e Primaria, algo que non podería terse levado a cabo se se tratara dun dispositivo complicado de usar.
Certo é que estes nativos dixitais necesitan unha motivación maior e máis específica que a que precisabamos hai 20 anos e, neste senso, o iPad representa unha tecnoloxía innovadora que fomenta o interese por aprender e mellora a asimilación dos contidos e materias dun xeito doado, e nun formato moito máis atractivo para eles.
Este proxecto forma parte dun amplo programa de innovación tecnolóxica que leva a cabo a institución SEK (da que forma parte o colexio Eirís) e que permitirá afianzar aínda máis un dos obxectivos máis importantes da entidade: “o alumno como centro do proceso de ensino-aprendizaxe e a organización do tempo e espazo no que se mesturen experiencias formais e non formais”, aseguran.
Na actualidade, este centro de ensino internacional dispón, ademais de conexión ADSL de alta capacidade e rede sen fíos, dunha estrutura dixital formada por elementos como unha Intranet, aulas equipadas con encerados dixitais e bibliotecas dixitais, software aplicado ás diferentes materias a impartir... así como un sistema en liña que lle permite a pais, nais e alumnado acceder á información que o colexio pon á súa disposición a cotío.
A maiores, a institución académica vén de incorporar recentemente a plataforma en liña Moodle, que permite unha optimización dos recursos educativos.

PUBLICIDADE