O colectivo Inestable celebra en Ordes as súas quintas xornadas sobre Linux, a partir deste 5 de abril

mércores, 4 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A comunidade de deseñadores e usuarios de software libre en Galiza e, en liñas xerais, toda aquela persoa interesada en procurar alternativas abertas ós programas e sistemas dominantes até o de agora (os sistemas pechados que esixen pago de licenzas) teñen esta Semana Santa na localidade coruñesa de Ordes unha cita de información e (tamén) de formación á que probablemente non poden deixar de acudir. A xuntanza, a desenvolver entre os días 5 e 7 de abril, é a quinta edición das Xornadas de GNU/Linux de Ordes, e está organizada polo colectivo Inestable (grupo local de usuarios destas ferramentas).
O encontro, segundo os seus organizadores, vai encamiñado tanto a favorecer o contacto dos non iniciados cos programas de fonte aberta como a achegar ós usuarios avanzados o espazo máis axeitado para compartir coñecemento sobre diversos eidos da era dixital, como programación web, deseño gráfico ou redes (partindo sempre do punto de vista que achega o software libre).
As xornadas desenvolveranse na Academia Sistema de Ordes (prezo da Praza de Abastos) con horario de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas. O prezo da inscrición é de cinco euros.
A continuación, incluímos o programa das xornadas.
Xoves 5 de Abril
9:30 Presentación e entrega do material
10:00 Introdución ao software libre, Salvador Tabarés (Inestable)
12:00 O proxecto Trisquel: Presentación e funcionalidades
16:00 Procesando e mezclando vídeo en tempo real Demo-Taller de DelVJ
Venres 6 de Abril
9:30 Taller de LAMP’’s, Óscar Casal (GLUG)
12:00 Seguridade en Gateways: Software Libre vs Software privativo, David Martínez Carballo (Symantec | OUSLI)
16:00 Introdución a CakePHP: o PHP fácil, Toni Martínez Carballo (OUSLI)
18:00 Introdución a AJAX & Prototype, Tomás Vilariño (Mancomun | OUSLI)
Sábado 7 de Abril
9:30 Taller de Inkscape : Introdución ao deseño vectorial libre, Denís Fernández (GLUG)
16:00 Traballando no kernel dentro dunha distribución, Juan Quintela Carreira (RedHat kernel-xen Maintainer | MADS Group Universidade da Coruña)

PUBLICIDADE