O clásico Q*Bert terá un remake para as consolas de Sony

venres, 6 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

A primeiros dos anos 80 podiamos ver nos salóns recreativos un curioso xogo en perspectiva isométrica chamado Q*Bert, protagonizado por unha curiosa criatura sen brazos e cun nariz con forma de trompeta, que hai pouco tamén puidemos ver no filme Rompe Ralph!, e que agora promete o seu regreso ao mundo dos videoxogos con Q*Bert Rebooted, un título para PlayStation 4, PlayStation 3 e PS Vita que gozará de cross-buy (ou sexa, que cunha única compra adquírense as 3 versións).
Para que o xogo de Gonzo Games, Sideline Amusements, Games Production Company e LOOT Entertainment poida resultar refrescante non só actualizou os seus gráficos á alta definición, senón que tamén mudou a forma dos cubos a través dos que ten que desprazarse Q*Bert, que agora teñen unha base hexagonal, o que permite uns deseños de niveis máis complexos e interesantes. Tamén engadiron ao xogo desafíos de tempo e puntuación, novos inimigos, novos personaxes xogables, potenciadores, trampas e xemas. Todo un remake que engade elementos suficientes como para ter un xogo novo tras máis de trinta anos, pero mantendo o espírito nostálxico do título orixinal (que tamén está incluído dentro do novo xogo).

PUBLICIDADE