O certame de Vídeos, Podcasts e Regueifas está aberto até setembro

mércores, 13 de maio do 2020 Redacción

O certame de Vídeos, Podcasts e Regueifas organizado pola Asociación de Medios en Galego a través do que busca que a mocidade teñan un maior achegamento á lingua galega ten aberto o seu prezo de presentación, de xeito que tanto persoas individuais de entre 12 e 30 anos de idade como aulas de ESO, Bacharelato ou Formación Profesional poden presentar vídeos, podcasts ou regueiras que reflictan as súas experiencias ao redor da lingua galega.
Este concurso busca dar unha visión alternativa e distinta ás mensaxes que estamos afeitos a ter, ver e ouvir sobre o galego, promovendo unha vontade de cambio ou de transformación social en canto á promoción do uso do galego. Tamén se valorará que os contidos transmitan mensaxes solidarias, quedando totalmente excluída a participación de traballos que promovan mensaxes violentas, denigrantes ou ofensivas.
Para favorecer a súa difusión en redes sociais os vídeos e podcast non deben superar os 4 minutos de duración. O material a concurso poderá presentarse até o 30 de setembro, producíndose en outubro as votacións que funcionarán como procedemento de selección para que finalmente un xurado elixa os vídeos gañadores, de xeito que só recibirán premio 4 pezas entre as 10 máis votadas.
O primeiro premio do certame serán 1.000 euros en metálico e un día de rodaxe coa produtora Vaca Films para unha aula de ESO, Bacharelato ou FP (ou grupo de 5 persoas elixidas polo autor do vídeo gañador); o segundo premio será unha tableta valorada en 300 euros; e o terceiro premio será un móbil de última xeración.

PUBLICIDADE