O bot Robin asesora ós mozos sobre as ETS e o consumo de alcohol

xoves, 10 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Rosa García e Bernat Soria co director do IES Joaquín Rodrigo, Félix Peñalver, durante a presentación de Robin

O ministro de Sanidade e Consumo, Bernat Soria, e a presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa García, presentaron un bot para o servizo Windows Live Messenger que actúa coma un interlocutor para os mozos que empregan o servizo de mensaxería instantánea de Microsoft e ó que lle poden facer preguntas relacionadas coas enfermidades de transmisión sexual e o consumo de alcohol.
O asistente automatizado responde ó nome de Robin, e diríxese ós novos con mensaxes claras e directas, aproveitando as posibilidades da Internet para achegarse ós mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, que só teñen que engadir coma contacto no Messenger ó usuario co enderezo electrónico robin@msc.es, tralo que poderán dirixirse a este orixinal robot, ante o que se agarda que non sentirán vergoña.
O sistema automatizado aínda está nunha primeira fase, pretendéndose que máis adiante poida contestar tamén a preguntas sobre o consumo de drogas e a prevención do tabaquismo.
Segundo Rosa García, o desenvolvemento de Robin a través de Windows Live Messenger a tecnoloxía «demostra a súa utilidade para coa comunidade», pois da lugar a novos servizos e aplicacións aplicadas «a cuestións de interese como a educación dos mozos».
O servizo de mensaxería instantánea conta xa con distintos robots que permiten acceder a contidos da enciclopedia Encarta, a información turística ou a resultados deportivos, de xeito que establecen unha ponte entre o chat e outros servizos da Internet.

PUBLICIDADE