O blog Tú también eres rar@ convoca un concurso de videoxogos

luns, 29 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Nae, do blog Tú también eres rar@ quere darlle unha oportunidade ós inconformistas que non atopan as emocións que buscan nos vídeo xogos actuais e que pretenden desenvolver as súas propias actividades de culto coas que perder os longos seráns de inverno na casa. Con este fin, a comezos de xaneiro convocou a primeira edición dun concurso de creación de videoxogos baixo o nome de Tú también puedes, que ten como data límite de presentación das propostas o vindeiro 5 de xuño do 2007. Cómpre dicir que os xogos enviados non teñen por que tratar un tema concreto nin ter características especiais, pero iso si, deberán cumprir un único e estraño requisito: que o primeiro “elemento hostil” que nos atopemos sexa un caracol, en homenaxe ós malvados caracois que apareceron nos videoxogos dos anos oitenta.
Os premios son de 300 euros en metálico para o primeiro, 200 para o segundo e 100 para o terceiro, ó igual có premio especial á portabilidade. Tamén se premiará á mellor plataforma cun Dracula Twins e ó peor videoxogo cun videoxogo mellor (non sabemos se para que o creador observe e aprenda dos restantes enxeños ou para que xogue máis e deixe de crear lixo tecnolóxico no seu tempo de lecer). O organizador, sabedor do miúdo dos agasallos que ofrece, admite (até o 15 de marzo), dotacións económicas para mellorar os premios. Deste xeito, pódese colaborar activamente na primeira edición deste concurso e facer posible a celebración dunha segunda o vindeiro ano.

PUBLICIDADE