O asistente de conversa CELIA de atlanTTic chega a WhatsApp para combater a soidade non desexada

mércores, 13 de decembro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, desenvolveu o asistente de conversa, CELIA, para combater a soidade non desexada entre as persoas de idade avanzada e detectar de forma precoz enfermidades cognitivas neurodexenerativas. A ferramenta CELIA xa está dispoñíbel de forma gratuíta a través de WhatsApp para todas aquelas persoas que queiran empezar a probala.
O proxecto liderado por Francisco Javier González Castaño, busca dar resposta a dúas dos retos máis complexos que afronta a sociedade actual. Como explica o director de CELIA, Pablo Campos, “trátase dun proxecto innovador de Intelixencia Artificial co que mellorar a calidade de vida das persoas de idades avanzadas en varios contextos, o emocional e o sanitario”.
Segundo os datos do INE, en España hai un total de 9,7 millóns de persoas maiores de 65 anos, e as previsións sinalan que nas próximas décadas ascenderá ata os 15 millóns. Destas persoas, actualmente máis de 2 millóns viven soas, e esta cifra crecerá ata os 7 millóns en 20 anos. Por outra banda, o centro atlanTTic lembra que na actualidade non existen mecanismos efectivos de detección temperá para enfermidades cognitivas como o alzhéimer ou a demencia. Con todo, comprobouse que o tratamento en etapas iniciais pode axudar a atrasar a súa progresión e a mellorar a calidade de vida destes pacientes.
Ante este contexto, un equipo de atlanTTic traballa desde hai cinco anos para dar resposta a ambos os retos. Da valorización destes traballos, nace CELIA, que sería en palabras do centro vigués “o primeiro asistente de conversación que permite o uso da voz e pon a IA ao servizo das persoas”.
O asistente foi deseñado para acompañar, conversar e entreter con empatía a persoas de idade avanzada, ao mesmo tempo que monitora a saúde cognitiva dos seus usuarios a través da análise da linguaxe e a voz. Neste sentido, comprobouse que a voz é unha ferramenta biométrica cuxos parámetros permiten monitorar enfermidades neurolóxicas, emocionais ou cardio-respiratorias, polo que no futuro ampliarase o número de enfermidades a controlar mediante estas ferramentas de IA
CELIA, un asistente único no mercado
O centro da UVigo engade que “a gran diferenza de CELIA con outros asistentes de conversa é que ten iniciativa e comunícase cos seus usuarios sen esperar unha orde. Isto xera empatía nas persoas de idade avanzada e, por iso, o 75% dos que o usaron durante o período de proba solicitaron seguir usando CELIA”.
CELIA é totalmente gratuíta e pódese acceder a través da web Celiatecuida.com ou agregando o contacto do 655 64 14 45 por teléfono para iniciar unha conversación en WhatsApp. O proxecto, ademais, ten diferentes módulos personalizables de conversación centrados en adiviñas, lecturas de prensa, preguntas familiares, etc.

PUBLICIDADE