O aparello tecnolóxico que provoca orgasmos, cada vez máis unha realidade

mércores, 20 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Convocar unha festa co pretexto de presentar perante os teus amigos e amigas o teu novo dispositivo tecnolóxico que provoca de xeito inmediato un orgasmo pode ser só dúas cousas: un completo éxito ou un completo fracaso. O primeiro punto non cremos que sexa preciso que se explique, pero o segundo se cadra merece máis detalle. Quen, no seu xuízo san, querería desprenderse de boas primeiras dun obxecto así? Diso, a que a festa remate a labazada limpa, só hai un paso. Isto, que semella tirado de un dos máis míticos filmes de Woody Allen, non é tan ciencia ficción como se podería pensar, xa que se lle facemos caso ó que nos conta Maikelnai no seu blog, a posta no mercado do orgasmatrón estaría relativamente preto.
E todo da man do doutor Stuart Meloy, quen descubriu hai agora unha década que se implantaba eléctrodos na médula espinal dunha paciente, esta experimentaba un orgasmo ó momento. Como todo xermolo de algo que se albiscaba realmente grande (monetariamente falando), non tardou en ir collendo corpo e en ser presentado, hai ben pouquiño, ás autoridades dos Estados Unidos para o seu estudo, sendo probable que o desenvolvemento se poña no mercado nun prazo de dous ou tres anos.
Con todo, só estará ó alcance das persoas con maiores ingresos (valerá 12.000 euros), debido a que é precisa unha operación cirúrxica, intervención que dificilmente será cuberta polo seguro. En Gizmodo explícasenos que o aparello terá o tamaño dun paquete de tabaco, aínda que é probable que, como outros gadgets previamente, vaia diminuíndo o seu tamaño, por aquilo da discreción. Posuirá ademais dous fíos finos que van inseridos directamente á parte da médula espinal onde residen os interruptores do pracer sexual.

PUBLICIDADE