O Zulo prepara o seu XI Ciberencontro Concello de Mugardos para a volta do verán

martes, 5 de agosto do 2014 Fernando Sarasketa

Se ben é certo que en verán hai unha parada importante no que a organización de eventos celebrados coas novas tecnoloxías se refire, tamén é verdade que na antesala do outono agárdanos un bo número de citas salientábeis, desas que cómpre sinalar ben visíbeis no calendario. Unha delas é sen lugar a dúbidas a onceava edición do Ciberencontro Concello de Mugardos, o Kernel 2014. A xuntanza, unha vez máis impulsada pola Comunidade O Zulo, con base no dito concello da comarca ferrolá, desenvólvese entre os días 19 e 21 de setembro na Casa da Cultura de Mugardos. Para quen non o saiba, trátase dun evento lúdico-tecnolóxico sobre software libre, o que quere dicir que vai haber intercambio de coñecemento, si, pero tamén un aquel de festividade arredor da programación aberta.
O Kernel, que conta tamén na organización co Concello de Mugardos, adoita dar acubillo a xente de tódalas idades co nexo común do seu interese polo software e a información sen barreiras. “Asisten”, sinalan os organizadores, “dende rapaces de 14 anos até universitarios, electricistas, informáticos, seareiros da tecnoloxía e dos xogos, de Internet en xeral, do universo geek, etc, en realidade todos temos un sitio no Kernel”, engaden.
Para participarmos nas xornadas (para termos unha praza), só teremos que rexistrarnos e aboar a inscrición a través da web específica do evento. Porén, non será preciso pagar inscrición algunha para acudir simplemente aos relatorios ou irmos de visita. Un dos lemas do encontro é fomentar a participación. De feito, os organizadores sosteñen que a paixón polo software e a cultura libre non se entendería se os participantes non tivesen tamén oportunidade de ensinar, amais de aprender. A culminación desta nova entrega do Kernel prometer ser no Pub Tropezón de Mugardos, o sábado 20 de setembro, onde se convoca aos asistentes para celebrar o festival Rock no Trope, na súa cuarta edición, “unha festa aberta para todos os amigos e amigas da Comunidade”.

PUBLICIDADE