O XGN quence motores para dar comezo o vindeiro venres

venres, 27 de marzo do 2009 Raquel Noya

Xa quedan menos dunha semana para que o vindeiro venres 3 de abril, o multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, dea acollida a un total de 1.800 mozos e mozas que, un ano máis, se reúnen durante tres días na capital galega para participar na décima edición do encontro informático máis importante da nosa comunidade, o Xuventude Galiza Net.
Esta evento, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, preséntase como unha referencia no mundo das novas tecnoloxías, e a experiencia dos seus organizadores vén de conseguir, unha vez máis, que o encontro sexa un dos máis multitudinarios e con máis sona do país.
Como noutras ocasións, ademais dos participantes inscritos para acceder á intranet do evento (que dispoñen de máis de 40.000 metros de cable para a conexión e unha velocidade de 1xigabit), o XGN dará acollida a aquelas persoas non inscritas que desexen entrar a participar nun espazo aberto habilitado no vestíbulo do multiusos.
Alí, os visitantes poderán participar de balde en distintas actividades lúdicas e creativas, así como en relatorios e obradoiros programados no marco do encontro que xiran en torno ás novas tecnoloxías e á informática. Asemade, terán espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas e poderán asistir á proxección da película, Pérez 2, o ratiño dos teus soños, unha produción cinematográfica cedida por Filmax Animation.

Novidades 09
Nesta edición do Xuventude Galiza Net as novidades xiran arredor da robótica. Se o ano pasado se fixo unha breve incursión no mundo da robótica nesta ocasión levarase a cabo, coa colaboración da organización IEEE, a primeira edición do Campionato Internacional de Robótica XGN-IEEE, un concurso no que competirán máis de 100 robots chegados principalmente de Galicia, Madrid, Valencia, Reino Unido, Italia, Francia e Portugal. Estes robots realizarán diversas probas polas que serán puntuados para proclamar aos gañadores.
Entre outras cousas, os robots tomarán parte en probas de loitas de sumo, circuítos de velocidade e habilidade e distintos labirintos, así como nunha carreira de Fórmula 1, emulando a que terá lugar no circuíto de Malasia o vindeiro domingo 5 de abril ás 8 horas.
Outra das novidades máis salientables neste aniversario da festa informática máis importante de Galicia é a visita do Embaixador de LEGO en España, que visitará o Xuventude Galiza Net para presentar as últimas novidades internacionais da marca, aínda non dispoñibles no mercado español. Deste xeito, todas as persoas que se acheguen ata o Multiusos Fontes do Sar poderán ver as exposicións de creacións realizadas por artistas de LEGO e participar en obradoiros de robots centrados na plataforma MIndstorm de LEGO e en obradoiros de deseño, empregando o deseñador dixital de LEGO e as pezas orixinais de LEGO.
Como non podía ser doutra maneira, este ano tampouco faltarán no XGN distintas accións de potenciación do software libre, a través de relatorios, obradoiros... así como da língua oficial do evento: o galego.

PUBLICIDADE