O Vaticano estrea canle en YouTube

venres, 23 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O Vaticano leva anos apostando pola tecnoloxía como xeito de achegarse aos seus fieis, especialmente aos máis novos, e continuando nesta dirección estrea agora unha canle oficial en YouTube que cubrirá as principais actividades de Bieito XVI e outros eventos vaticanos relevantes, aproveitando o poder do vídeo para levar a labor misioneira da Igrexa a todo o mundo.
Este novo espazo xa conta cun vídeo de introdución do padre Federico Lombardi, director da Radio Vaticana, do Centro de Televisión Vaticana e da oficina de prensa da Santa Sé, que serve para facerse unha idea do que achegará esta nova porta do Vaticano ao mundo e, especialmente á xeración dixital.
Para facer máis accesibles os contidos de vídeo, procuran que conten cunha boa calidade (producidos profesionalmente) e algúns clips están completados con subtítulos (que grazas á tradución automática de YouTube amplían enormemente a audiencia potencial destes vídeos).
Por desgraza, os clips están atados á súa visualización en YouTube, e non permiten a integración noutras páxinas web, o que se entende como unha precaución para que os contidos creados polo Vaticano non se poidan mesturar con outras informacións fóra do seu control, que poidan levar a malas interpretacións ou a manipulacións.

Algúns dos vídeos da canle en YouTube do Vaticano inclúen subtítulos

PUBLICIDADE